sábado, 30 de junio de 2018


       


        
                     Cada un no seu sitio


  Levaba o pelo peiteado de xeito primoroso. Loiro, de tacto suave. As prendas que o cubrían, de excelente calidade.
    A pesares de tanta elegancia e delicadeza que desprendía, había algo nel que non encaixaba. Unha profunda engurra xusto enriba do nariz, descompoñía sen remedio, tan celestial presenza.
Dende a entrada do cuarto escoitábase rosmar:
 _¡Non rematará nunca esta tortura! Isto debería pagarse con penas de cárcere. Esa muller non é nada lista, abráiame como deixan ter descendencia a xente como ela.
Tales modos non eran propios de  Príncipe Azul, pero aínda así, rematou o soliloquio con unha palabra malsoante.


   Rosadiño por todo o corpo, agás as patas e o fociño que lucían un marrón propio da lama na que gustaba de fozar o máis novo dos tres porquiños. Redondo, mantido, cheirento e feliz. Así era o compañeiro involuntario de Azul, na estante do cuarto de Anabel.


   A nena era moi coidadosa. E, sabedora de que hai cousas que mellor non mesturar, tiña os contos separados por temas. A un lado príncipes e princesas, a outro contos de animais. Un día que Anabel andaba doente, a mamá leulle o conto de antes de durmir. Crendo facer ben, ao rematar a lectura, colocou “A Cincenta” na sección de animais, e aí comezou a tortura de Azul.




  _Ese cheiro noxento o ruído que fan ao comer, ían todos cheos de merda, ata o rabo  parecía querer escapar deses corpos graxentos.
   As queixas de Azul eran ben coñecidas no estante. El entretíñase lembrando un pasado moito máis acorde á súa liñaxe; estivo invitado no palacio de Branca de neve, conversou sobre literatura con Mary Poppins, intercambiou consellos para o cabelo con Rapuncel e practicou apaixonantes duelos de esgrima con A Besta, que resultou ter una educación exquisita.


   Levaba dous meses, en tempo humano, vendo ese cello pregado e xa estaba farto. A el e a seus irmáns pouco lle importaba o que ese pedante crera, pero tanto roñar xa amolaba. Argallaron un bo plan o que se apuntou mesmo o lobo; chegada a noitiña libraríanse de ese bobo. Entre os catro empurraron con forza ata que o conto caeu. O dia seguinte Anabel faríase cargo, levando a ese príncipe crido, para o sitio do que non tiña que ter saído.
  

No hay comentarios:

Publicar un comentario