martes, 26 de junio de 2018




             

Rosalía e o mar

Conta a xente do lugar,
que nunha daquelas mañás
nas que andaba Rosalía pola beiriña do mar,
atopou unha botella coa historia de un rapaz.

Adrián era un mariño
que de tanta saudade
pensou dedicarse o viño.
Despois de a botella beber
e vendo o mal que lle sentou,
decidiu nela unha carta meter
e abanada polo mar a deixou.

Sendo rudo o mariñeiro,
soubo de algunha maneira,
deixar nun cachiño de papel,
case a súa vida enteira.

Os ollos de Rosalía titilaban ao ler,
namorouse sen remedio
desexábao coñecer.

Mandoulle recado o mar
nunha botella vermella
e quedou na espera
de resposta da parella.
Apenas pasaron dous dias e xa recibira misiva
relatáballe aventuras que ela xamais ouvira.
Pensaba de noite nela, miraba de seguido o ceo
soñaba se sería unha estrela
que na escuridade viña velo.
Estiveran fondeados nunha illa afastada
ó barco rompeulle o mastro e arranxárano na Habana.
Tamén avistaron baleas
coas que fixeron amizade
 e ata navegaron con elas.

Noutra botella vermella, volveu Rosalía mandar
unha longa e esperanzada carta para o mar.
Quero verte Adrián, mirarme nos teus ollos,
 sentir as túas mans.

Pasaron máis de dous meses e esta foi a resposta:
Quérote tanto meu ben, que xa non podo enganarte.
Levo anos namorado, bicando os teus pes suspiro.
Este é un amor imposible e eu non deixo de adorarte.
Ti non me soñas, nin sentes,
se non fose por Adrián, nin saberías que vivo.
Eu son o mar Rosalía,
sen corpo para abrazarte
sen beizos para bicarte,
Eu son o mar Rosalía,
ese que miras sen ver.
Eu son o mar Rosalia.