lunes, 2 de julio de 2018

   
                    
                     Código ético



    Bailo para seguir vivindo. Algunha xente
corre, outra fai ioga e hai quen escribe. Eu bailo.


    Para esquecer o traballo. Bailo e bailo, e as veces nin así.


    A meu pai petoulle que fose a clases de baile cando era
unha nena. Eu non quería ir, prefería xogar ao fútbol. Pero 
él, que era moi teimudo, propúsose mercar miña vontade có
balón do Celta que tiña o branco máis clariño que vira na miña
vida.

  Fun bailar, claro.

  Primeiro sen ganas, desexando que rematara a clase para
saír coma un foguete cara a praza. Despois, esperando que
chegara o mércores, día de danza.  Cando me quixen dar
conta era a última en saír dese pequeno universo no que
me sentía tan ben. Se meu pai soubera...



    Dende entón bailaba cando estaba contenta, cabreada,
triste ou feliz.Os meus pés volvíanse tolos se algún
acontecer me favorecía. Se Migueliño me pasaba o balón,
eu bailaba. Se Marta escollía sentar conmigo no comedor
tiña ganas de bailar. Cando Xosé me bicou pensei morrer,
pero bailei.


  Pasaron séculos desde entón. Agora bailo para que o peso
do que fago non me afunda no chan. 

  Ao mal nacido que me aniquilou  para satisfacer os seus
instintos de berme, mateino por vinganza. Aos demáis, por
encargo.

   Non vaia pensar quen estea lendo isto, que son unha
asasina máis. Teño o meu código ético; só mato homes.
Machos que teñen dificultade para controlar os cachos de
pel e carne que lles colga na entreperna. Con este
regulamento e o baile, non teño peor conciencia que se
houbera atropelado un gato por accidente.